12 octubre 2012 ~ 0 Comments

Actividades do 1º trimestre


A Escola de Música organiza unha semana de portas abertas e anuncia o ciclo “Concertos na de Bernardo”

A reforma da sede da Escola Municipal de Música de Vilagarcía, non só foi moi ben acollida por parte da comunidade educativa, senón que tamén está a influír de forma moi positiva na actitude do alumnado que, segundo detectou o profesorado acode ao centro con maior ilusión e alegría. Para facer partícipe a todo o mundo das melloras producidas nas instalacións, o centro organiza unha semana de portas abertas e tamén un ciclo de concertos a desenvolver durante todo o curso.

11. 10. 2012.- As xornadas de portas abertas terán lugar a vindeira semana, polo que os pais e familiares dos alumnos, así como todos os cidadáns que o desexen, poden visitar as instalacións da Escola de Música para ver as melloras realizadas durante o verán e que supuxeron un gran cambio cualitativo para o centro que gaña en confort e en funcionalidade con aulas e servizos adaptados ás necesidades dun centro de ensino musical. Os visitantes tamén poderán comprobar como os profesores desenvolven as súas clases, tanto as instrumentais como as grupais ou de agrupacións. Desta forma tamén se pretende achegar á cidadanía o traballos que se desenvolve na Escola Bernardo del Río.

Neste marco de celebracións e de apertura ao público, a dirección da Escola Municipal de Música tamén anuncia que este curso se porá en marcha o ciclo titulado “Concertos na de Bernardo “ que se levarán a cabo todos os venres ás oito da tarde. Os protagonistas dos concertos poderán ser alumnos, ex alumnos ou persoas vinculadas coa Escola de Música que desexen participar no fomento da cultura musical do municipio. As persoas interesadas en ofrecer un concerto deberán inscribirse na propia Escola de Música e reservar un venres, a efectos de confeccionar o calendario. Os “Concertos na de Bernardo” acollerán todos os xéneros e estilos musicais xa sexa música clásica, rock, folk…..

A ultima das iniciativas que porá en marcha este curso a Escola Municipal de Música Bernardo del río será un concurso audiovisual “Temos un artista”. Os participantes deberán gravar un vídeo caseiro no que se mostre a algún membro da súa familia ou amigos interpretando algún tema musical, tocando un instrumento, etc… O audiovisual pendurarase na web da escola e os internautas poderán votar o vídeo que máis lle guste. Os gañadores das categorías que se establecerán nas bases que está redactando o equipo docente do centro, recibirán un premio.

Fuente: Concello de Vilagarcía

Comments are closed.