|
|
 |
 |
 |
 |
 |



4/3/2010
A Concellería de Educación crea os cargos de xerente e xefe de estudios da Escola de Música.

A Concellería de Educación vén de dar un novo paso de cara á implantación do novo proxecto educativo da Escola de Música Bernardo del Río coa creación das figuras de xerente e xefe de estudos do centro municipal.
A medida, prevista no novo proxecto educativo, foi aprobada pola Xunta de Goberno Local a semana pasada, na que se nomeou como xerente ó profesor Jesús Nogueira e como xefe de estudos ó docente Víctor Costa. Segundo se establece no proxecto, a dirección, figura que desempeña Alfonso Galbán, entre outras manterá as funcións de representación académica e legal da Escola en tódolos ámbitos e deberá promover e impulsar relacións do centro Bernardo del Río coas institucións da súa contorna e facilitar a axeitada coordinación con outros servizos formativos da zona.
O xerente e o xefe de estudos olaborarán co director, reforzando e complementando as súas funcións. Así, entre as tarefas do xerente atópanse dirixir e coordinar as actividades da Escola, dirixir ó persoal, elaborar informes e deseñar, xunto co xefe de estudos, o proxecto educativo. Pola súa banda, a labor do xefe de estudos centrarase máis nos aspectos académicos propiamente ditos e, por delegación, poderá exercer algunhas das funcións da xerencia. Tamén deberá coordinar as actividades dos profesores e fomentar a participación dos alumnos en todas aquelas actividades propias da Escola ou programadas pola Concellería como complemento ó proxecto do centro.
Coa creación destas novas figuras a concelleira de Educación pretende seguir elevando a calidade do ensino musical que se imparte na Escola de Música Bernardo del Río, a segunda en número de alumnos matriculados de toda Galicia, algo que pasa tamén por unha mellora organizativa. Os cambios no organigrama tamén favorecerán que chegado o momento do relevo na dirección do centro, motivado pola proximidade da xubilación do actual director, este se produza con total normalidade e sen que repercuta no funcionamento da Escola.
|
 |
|
|