Benvidos á paxina web da Escola Municipal de Música "Bernardo del Río".
A nosa Escola é un dos dous centros de ensino musical dos que é titular o Concello de Vilagarcía de Arousa e que son xestionados a través da Concellería de Educación.
A Escola Municipal de Música de Vilagarcía foi un dos centros pioneiros do ensino musical na bisbarra do Salnés e, na actualidade, é a segunda escola de Música máis importante de Galicia no que a número de alumnos se refire. Un dos principais atractivos da nosa Escola é o amplo abano de posibilidades instrumentais que ofrece ó alumnado, con idades comprendidas entre os 4 e os 80 anos, cun total de once especialidades. Ademais o centro conta cun Combo Moderno, un Grupo de Percusión, unha Junior Band e un Coro Infantil, agrupacións musicais que actúan en diversos actos de carácter sociocultural e que xa son todo un referente na nosa bisbarra.
Durante os 25 anos de historia que acumula a Escola Bernardo del Río foron moitisimos os nenos e nenas que pasaron polas súas aulas, algúns dos cales aproveitaron a formación recibida para dedicarse profesionalmente á música. De feito, moitos dos que un día foron alumnos da Escola de Música de Vilagarcía son hoxe recoñecidos profesionais da docencia musical en conservatorios, escolas de música ou colexios. Outros moitos optaron pola faceta interpretativa como profesionais da música, posto que non hai que esquecer que a Escola de Música é a canteira que nutre ó Conservatorio Profesional de Vilagarcía e da que saen moitos dos músicos que integran a Banda Municipal de Música da cidade, así como outras agrupacións, tanto de música moderna como clásica.
Invitámosche a coñecer máis en profundidade a Escola de Música a través desta web.