30 mayo 2012 ~ 0 Comments

Obras de rehabilitación na Escola

As obras de rehabilitación do edificio da Escola de Música arrancan a vindeira semana
O remate do curso na Escola Municipal de Música Bernardo del Río permitirá comezar as obras de rehabilitación do edificio que acometerá a Deputación Provincial a través do convenio de colaboración asinado co Concello. Mañá será o último día de clases no centro situado no edificio do Ramal, polo que a empresa adxudicataria comezará a vindeira semana a levar o material e a maquinaria precisa para acometer os traballos presupostados en 218.493 euros. Os traballos desenvolveranse durante o verán para que o centro Bernardo del Río presente unha imaxe remozada e se atope en perfectas condicións para o inicio do vindeiro curso.
A mellora da sede da escola de Música é unha obra necesaria dende hai tempo debido ao deterioro dalgunhas das instalacións do antigo inmoble situado no Ramal. O principal problema reside nas filtracións de auga e frío polas fendas das vellas fiestras de madeira e polo mal estado da cuberta. Para resolver estes problemas, o proxecto a iniciar nos vindeiros días prevé a substitución dos teitos e da carpintería exterior, xa que se renovarán todas as fiestras. Tamén se remodelarán os aseos e se acometerán outras melloras xa de menor entidade pero que aportarán maior confort e funcionalidade.

O convenio de financiamento que permite acometer estes traballos é un exemplo máis da colaboración institucional que manteñen Concello e Deputación e froito das xestións realizadas o pasado verán polo alcalde, Tomás Fole, ante o presidente do organismo provincial que incluso se desprazou ata Vilagarcía para comprobar o estado do edificio. Aínda que nun primeiro momento se falou da posibilidade de acometer as obras durante o curso, tratando de compatibilizar os traballos co desenvolvemento das clases, a efectos de garantir a seguridade e non interferir nas clases, optouse por esperar ao verán para realizar a reforma.

A concelleira de Educación, Rocío Llovo congratulouse do cumprimento dos prazos e de que por fin se poida acometer unha obra moi esperada e necesaria e que incidirá de xeito moi positivo na prestación das ensinanzas musicais que se imparten na Escola de Música.

A execución deste convenio tamén permitira recuperar e conservar en bo estado o patrimonio histórico e arquitectónico do Concello, xa que o edificio do Ramal están catalogados polo Concello e as obras contan cos preceptivos permisos de Patrimonio.

Comments are closed.